ANTONIO LÓPEZ FERREIRO (Santiago de Compostela, 1837- Vilanova Vedra, 1910)


López Ferreiro vivía austeramente. Estaba dotado dunha memoria prodixiosa.
Parece que despois do descubrimento das reliquias do Apóstolo o Ministro Marqués de Figueroa quixo darlle un bispado pero rexeitouno aducindo escrúpulos de humildade. Pero o que se comentou en Santiago foi que non quería aceptar nada da casa real. López Ferreiro era carlista e tíñano en moita estima os dirixentes carlistas.
As relacións entre Payá e López Ferreiro eran tensas e se ben esas tensións se afrouxaron a raíz do descubrimento dos osos apostólicos, rexurdiron con máis forza un pouco máis tarde.
Os cóengos dicían de Payá que era un ditador e Labín e López Ferreiro, apoiados na autoridade que lles daba ter atopado o santo sepulcro, viaxaron a Roma en 1880 para facer chegar ao Papa as queixas do Cabido, pero a xestión lonxe de axudalos foilles contraproducente. O Vaticano non esquecera os extraordinarios servizos que lles prestara Payá coa causa da “inefabilidade pontificia”. Así que Roma deulle a razón ao Cardeal e aos dous cóengos aconselláronlles que volvesen canto antes a Compostela e se humillaran ante o seu Prelado e, a modo de castigo, fixeran uns exercicios espirituais.
Pero López Ferreiro non era home propicio a dobregarse e aínda máis cando se cría asistido pola razón. Había nel moito da fera ortodoxia carlista.
O mesmo ano no que Labín e el foron a Roma, o 16 de xullo, Payá lle comunica nun oficio: “ Por cuanto sin la correspondiente licencia nuestra... desde el día 14 de mayo último ha abandonado V.S....esta archidióceses; por el presente venimos a suspender a V.S., y de hecho lo suspendemos, en el uso de todas las licencias de celebrar, confesar y predicar por el tiempo de nuestra voluntad”.
López Ferreiro non puido seguir dicindo misa diaria. Devolvéronlle as licenzas antes de que pasaran cinco meses, pero non a tranquilidade se espírito, caendo nun estado de melancolía. Nesa época son frecuentes nel os esvaecementos que demostrarían a súa alteración psíquica. Nunca se recuperou, nin sequera despois de que Payá marchase a Toledo.
Unha das cousas que máis fixo sufrir a López Ferreiro foi o non poder concentrarse ao pronunciar as palabras da Consagración. Dicía a misa con medo a esvaecerse a cando a dicía eternizábase.
Os novos arcebispos Victoriano Guisasola e José Martin de Herrera, estimaban a López Ferreiro, e foi Guisasola quen o nomeou profesor de cátedra de Arqueoloxía de recente creación.
O cabido compostelán encargoulle que escribira a Historia da Catedral de Santiago e liberouno da asistencia ao coro para que dispuxese de tempo.
A medida que os libros se foron editando a fama de López Ferreiro foi medrando entre os eruditos.
López Ferreiro, apaixonado historiador, non falseou datos na súa obra pero si omitiu feitos que non contribuísen ao esplendor da historia catedralicia.
López Ferreiro viviu outra polémica encol da fachada do Obradoiro, cando decidiu pintala, polo menos en parte, aducindo que a estatuaria policromada formaba parte da tradición compostelá, como así o proba o propio Pórtico da Gloria.
Xa estaba preparado a andamiaxe e avisados os artesáns cando a forza de artigos explosivos, o xornalista Celestino Sánchez Rivera, que dirixía o xornal “El Eco de Santiago” levantou en contra á opinión pública.
O Cabido apoiaba a López Ferreiro e non cedeu ante a opinión pública pero o xornalista desviou a cuestión artística cara o legal e demostrou a través de decretos e leis que nin particulares nin corporacións poden executar obras nun Monumento Nacional sen a aprobación da Academia de San Fernando. O Cabido colleu medo do xiro que estaban a dar as cousas. O xornalista, apoiado pola Academia de San Fernando, chamou profanadores aos que querían policromar o Obradoiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario