A INSTITUCIÓN LIBRE DE ENSINANZA

Na primavera de 1876 suavízase a actitude oficial respecto aos políticos e intelectuais implicados nos acontecementos revolucionarios. Os krausistas saen do cárcere e volven do desterro. Desde este momento van traballar nun novo proxecto de amplias repercusións: a Institución Libre de Ensinanza, que, amparada no recoñecemento da liberdade de ensinanza da Constitución de 1876, vai iniciar as súas actividades o 29 de outubro de ese mesmo ano, baixo a presidencia de Giner de los Ríos.
Nesta Institución non profesan soamente a plana maior do krausismo senón tamén positivistas, especialistas en diversas disciplinas e personalidades académicas como Joaquín Costa que non estaban vinculados ao krausismo estrito. O proxecto inicial era o de fundar unha universidade libre que impartira unha educación non dogmática inspirada nos métodos europeos máis avanzados. A súa finalidade era formar elites que impulsaran o progreso e a modernización do país. Fracasa o intento de constituírse en universidade e a Institución, sen perder o seu carácter, decide dedicarse á ensinanza primaria e media.
A Institución Libre de Ensinanza introduce a pedagoxía racionalista, laica e humanista, seguindo fundamentalmente o modelo anglosaxón. Supuxo un novo estilo na relación entre mestres e alumnos e un interese descoñecido ata entón no país pola renovación didáctica.
Esta Institución era unha illa nun panorama dominado totalmente pola ensinanza de corte clerical e reaccionario. Os auténticos beneficiarios da liberdade de ensinanza foron a Igrexa e as ordes relixiosas que exercían unha considerable influencia sobre a sociedade e a política a través do adoutrinamento da xuventude.
A situación universitaria non mellora en absoluto e as periódicas limitacións da liberdade de cátedra, a separación dos profesores da universidade, o control do ensino e a falta de posta ao día no terreo humanístico, filosófico e científico-técnico remataron por sumila na rutina e na impotencia.
O regreso, en 1881, dos catedráticos expedientados non serviu de moito xa que a meirande parte deles estaban inmersos en proxectos extra universitarios. Sen embargo, a aceptación do principio de liberdade de cátedra e a reintegración á Universidade dos profesores destituídos, supuxo un cambio na orientación da Institución que, despois dun primeiro período moi combativo, vai adoptar unha liña posibilista, tratando de reformar o sistema educativo desde dentro, centrándose sobre todo na renovación pedagóxica.
Estamos nas vésperas dun novo período da historia de España. Pouco a pouco xurdirá a confluencia entre o klausismo e o socialismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario