MIGUEL PAYÁ E RICO (Beneixama, 1811 - Toledo, 1891)


A súa intervención en Roma durante a celebración do Vaticano I dálle prestixio en España, e o goberno de Castelar xunto co Papa promóveo para a sede arcebispal de Santiago no ano 1874, tomando posesión do cargo en febreiro do 1875. Máis tarde, o 12 de marzo de 1877, será nomeado Cardeal, e xa como tal formará parte da elección do Papa León XIII.

Payá chega a Santiago en pleno cambio de réxime, case que ao tempo que Alfonso XII entra en España.

Estalla nas Universidades un importante conflito relacionado cos privilexios da Igrexa Católica e a liberdade de cátedra. Santiago vive os prolegómenos do que vai ser a Institución Libre de Ensinanza. Payá mantense prudentemente a marxe.

Con motivo do 50 aniversario da ordenación sacerdotal de Pio IX, Payá organiza e preside unha peregrinación a Roma de apoio ao Papa que vivía illado no Vaticano. Pio IX xa excomungara a Victor Manuel II, cuxa política tiña como obxectivos a industrialización e apertura de Italia ao exterior e reducir a influencia da Igrexa Católica. A pesar do apoio incondicional de Payá ao Papa, os carlistas acusárono repetidamente ante o Vaticano, pero o Papa non os escoita e outórgalle a Payá o capelo cardinalicio.

Cando Payá se fai cargo da arquidiócese de Santiago percorre a cabalo ou en mula as máis de mil parroquias que compoñen a mesma, algo que ningún antecesor fixera desde séculos atrás.

Non se fixeron esperar as reaccións contrarias dun clero maiormente contrario ás súas ideas e obrígano a adoptar o novo traxe talar composto polo amplo balandrán e o chapeu de tella, pero isto non impediu a Payá meter en cintura aos capitulares favoritos do seu antecesor, razón pola que se lle sublevaron tanto cóengos como carlistas. Cabe sinalar aquí que máis tarde, no ano 1882, cando hai proxectada unha peregrinación a Roma, Payá resolve non peregrinar baixo as ordes do Sr. Nocedal, xefe do tradicionalismo español, e decide facelo por conta propia e tal e como a el lle parece oportuno. Este acto terá unha gran transcendencia política xa que orixina a ruptura entre católicos e carlistas.

Payá, firme defensor da Igrexa Católica, prohibe as primeiras escolas protestantes que se instalan en Galicia. Inimigo da calquera forma de laicismo, prohibe, tamén, o enterro dos non católicos en cemiterios católicos, o que lle ocasionou a crítica da prensa liberal, anarquista e republicana. Payá prohibe aos fieis a lectura destes xornais baixo ameaza de excomuñón.

Unha das súas grandes obras benéficas é a fundación do manicomio de Conxo.

Os restos do Apóstolo.

Payá potencia as escavacións arqueolóxicas da Catedral no 1879 realizadas polos coengos López Ferreiro e Labin Cabello coa idea de localizar os restos do Apóstolo Santiago. Estas excavacións fixéronse encubertas baixo un suposto plan de limpeza da Catedral. En setembro de 1879 atópanse detrás do altar maior uns osos humanos nunha basta urna, que en opinión de tres profesores universitarios da época (un deles o doutor Casares) correspondían aos restos do Apóstolo Santiago e os seus discípulos Teodoro e Anastasio.

Para comprobar a autenticidade instruíronse dous proceso, un organizado polo propio Payá e outro baixo a dirección e en presenza de Monseñor Agustín Caprara, Promotor da Fe, enviado con este fin polo Papa León XIII. Os resultados dos dous procesos coincidiron entre si confirmando a tradición e os documentos históricos que había sobre os restos do Apóstolo. A Santa Sede á vista do instruído declara auténticas as reliquias por medio de bula de León XIII denominada “Deus Omnipotens” o día 1 de novembro de 1884.

Decide entón Payá celebrar as festas do Apóstolo a todo trapo e nomea unha comisión para que organice:

1. A participación nas festas a todos os fieis nacionais e estranxeiros, e abre unha subscrición coa contribución mínima de cinco céntimos de peseta.

2. Formar comisións de persoas piadosas que se encargasen de recoller as esmolas e anotar os nomes dos doantes.

3. Facer un chamamento aos fieis dotados de fortuna para que cubriran as subscricións dos cristiáns das Misións.

4. Dirixir un rogo expreso aos bispos católicos para que recomenden aos seus diocesanos a peregrinación a Compostela.

O Arcebispo procura os medios necesarios para acoller aos peregrinos estranxeiros creando aloxamento.

O 21 de abril de 1885 o Cardeal Payá é nomeado Capelán Maior da Reina e en xuño do ano seguinte é preconizado para o Arcebispado de Toledo polo rei Alfonso XII. Payá contesta que so deixará a diocese compostelá por mandato da Santa Sede. Finalmente é preconizado Arcebispo de Toledo e Primado de España polo Papa León XIII en consistorio secreto celebrado o 7 de xuño de 1886. Payá deixa así Santiago de noite e sen anuncialo, parece ser que para evitar manifestacións que aumentasen a dor da súa partida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario