SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago de Compostela é un concello da provincia da Coruña. Segundo o IGE en 2009 tiña 95.092 habitantes. O seu xentilicio é santiagués ou compostelán.

Santiago de Compostela constitúe a capital política de Galicia, radicándose polo tanto nesta cidade o goberno autonómico da Xunta de Galicia. Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal e mais o destino do camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, igual que o seu casco vello pertencente á lista dende o ano 1985.

No territorio que actualmente ocupa a catedral de Santiago existía un poboado romano, que se tende a identificar como a mansión romana de Aseconia que existiu entre a segunda metade do século I e o século V, o poboado desapareceu pero permaneceu unha necrópole que tivo uso quizais ata o século VII.

O nacemento de Santiago como se coñece agora está ligada ao presunto descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago entre o 820 e o 835.

Segundo a tradición medieval, como aparece por primeira vez na Concordia de Antealtares (1077), o eremita Paio alertado por luces nocturnas que se producían no bosque de Libredón avisou o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, quen descubriu os restos de Santiago o Maior e de dous dos seus discípulos, no lugar que posteriormente se levantaría Compostela, topónimo que podería vir de Campus Stellae, isto é "campo de estrelas", ou máis probabelmente de Composita Tella, "terras ben axeitadas", eufemismo por cemiterio. A descoberta propiciou que Afonso II, necesitado de cohesión interna e apoio externo para o seu reino, fixera unha peregrinaxe a un novo da cristiandade nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.

Pouco a pouco foise desenvolvendo a cidade, primeiro estableceuse unha comunidade eclesiástica permanente a carón dos restos atopados formada polo bispo de Iria Flavia e os monxes de Antealtares. Asentouse unha poboación heteroxénea, aínda que fundamentalmente estaba formada por emigrantes procedentes das aldeas próximas, que foi aumentando a medida que progresaba a peregrinación por razóns relixiosas por todo o occidente peninsular, reforzado polo privilexio concedido por Ordoño II no ano 915 polo que se establecía que calquera que permanecera corenta días sen ser reclamado como servo pasaba a ser considerado como un home libre con dereito a residir en Compostela. Lugar de coroación de monarcas do Reino de Galicia e do Reino de León, a cidade foi destruída por Almanzor o 10 de agosto do ano 997 que tan só respectou o sartego do apóstolo. Tras a volta dos habitantes comezou a reconstrución, o bispo Cresconio a mediados do século XI dotou á cidade dun cinto de foxos e unha muralla como medida defensiva.

No ano 1075 o bispo Diego Páez deu comezo a construción da catedral románica, o aumento da pelegrinaxe fai de Compostela un lugar de referencia relixiosa en Europa, aumentando a súa importancia, que se ve recompensada tamén politicamente, acadando na época do Arcebispo Diego Xelmírez a categoría de metropolitana para a igrexa compostelá (1120). Entre os séculos XII e XIII foise artellando a rede de rúas dentro do recinto amurallado. Precisamente, no século XII, producíronse unha serie de revoltas urbanas (1116 e 1136), que en Compostela tiveron gran repercusión, acontecidas durante o pontificado de Xelmírez. A chegada da Peste Negra a cidade supuxo unha forte recesión demográfica, pero a partir de 1380 recuperou poboación e no século XV tiña entre 4 e 5.000 habitantes.

A fundación da Universidade no século XVI e o arcebispo Alonso III de Fonseca danlle un novo pulo a atracción de Santiago, en particular en Galiza.

O establecemento da autonomía en Galiza fixo dela a capital galega, obtendo como consecuencia un novo pulo na fin do século XX. É patrimonio da Humanidade, e foi capital europea da cultura no 2000.


No hay comentarios:

Publicar un comentario