AS ACTAS ESCURAS - ARGUMENTO


Unha mañá de inverno, a un Santiago de Compostela de finais do século XIX, sometido ao poder eclesiástico da Santa Basílica Catedral, chegan en ferrocarril, novo medio de transporte acabado de aparecer, o cura Don Mauro e o seu sobriño Casiano. A razón é o convite que recibe Don Mau­ro por parte da súa eminencia o cardeal Payá y Rico, máxima autori­dade eclesiástica nesta Compostela balorecida e conservadora, dominada polo poder da Igrexa. A razón deste convite é a petición de avalar co seu prestixio a veracidade dos ósos soterrados na Santa Basílica Catedral, venerados durante séculos como os ósos do Apóstolo Santiago e postos en cuestión por algunhas voces disidentes. Don Mauro deberá redactar un informe co resultado das súas pescudas; o devandito informe será enviado a Roma para ser ratificado polo Papa León XIII. Para esta tarefa tan delicada, Don Mauro faise acompañar de Casiano, mozo librepensa­dor, licenciado en Xeografía e Historia, discípulo de Giner de los Ríos, formado na filosofía krausista e nas ideas liberais da Institución Libre de Enseñanza. Será precisamente o seu afán de busca da verdade, dende postulados científicos nunca antes cuestionados polo dogma da relixión, o que causará certas reticencias tanto nos numerosos cóengos da catedral como nos outros representantes da curia eclesiástica e mesmo no propio cardeal Payá y Rico.
Con esta investigación como pano de fondo, a peza dá conta das fen­das, debilidades, cinismos, intereses, mentiras e verdades incuestionadas dos distintos persoeiros da curia eclesiástica da Santa Igrexa Catedral, presididos polo cardeal Payá y Rico, que se nos presenta como un home intelixente pero consumido pola cobiza e o afán de grandeza e poder que utilizará a verdade dos feitos como mellor lle conveña. Outro dos perso­naxes da curia relixiosa singularizados é Labín, home conservador que mesmo se negará a escoitar outra posible verdade, así como o arqueólogo López Ferreiro, unha alma sinxela de fe sincera, amigo do saber e cunha erudición notable que pon ao servizo da verdade pero sen perder nunca o sentido do deber nin a súa fe católica.
Ao tempo que transcorre esta investigación, coñecemos o propio dra­ma persoal do mozo Casiano, namorado de Rosarito, muller casada que se separou do seu home por ser vítima de malos tratos e que debe en­frontarse á busca dun traballo para vivir e, daquela, acaba traballando de cupletista nun café. Esas dúas razóns (a da separación e a da profesión) fan que Rosarito sexa vista con malos ollos pola nai de Casiano e, xa que logo, nun primeiro momento por Don Mauro. O mozo, que representa as novas ideas dos liberais, a erudición científica, o poder da razón e a im­portancia dun pensamento libre, lonxe da contención que marca a Igrexa, intentará demostrarlle ao seu tío a verdade que agochan as aparencias. As conclusións ás que chegará Don Mauro, guiado pola súa propia análise dos feitos e polas investigacións do sobriño, non serán as esperadas polo estamento eclesiástico.

A peza acaba nunha sorprendente aposta pola de­fensa da razón, da verdade e da beleza mundana e vital que se agocha nas palabras dun cuplé.

No hay comentarios:

Publicar un comentario