Roberto Vidal Bolaño

Roberto Vidal Bolaño
Para comprendermos un pouco máis a figura deste home integral de tea­tro que foi Roberto Vidal Bolaño queremos achegar unha serie de de­claracións feitas por persoas do ámbito teatral, críticos, amigos e expertos.
- Damián Villalaín
Entre o fidalgote oteriano e o antiheroe americano en branco e negro, se me representa na lembranza Vidal Bolaño. (…). Esas dúas facianas aparecen tamén no seu teatro, que xa na década dos 90 se fixo máis libre, radical e intelixente do que nunca o fora. Saxo tenor, Días sen gloria, Rastros, Doentes, ¡Anxeliños!, Criaturas…, todas esas pezas que, engadidas ao Laudamuco, Bailadela da morte ditosa, Agasallo de sombras, Cochos e outras máis, converteron a Roberto no autor vivo máis importante da literatura dramática galega e nun destacado actor, director, escenógrafo, iluminador… Un home de teatro, en fin, esa categoría reservada a poucos e que nos suxire un artista aberto a todos os oficios da escena, coñecedor de todos os seus ritos e secretos. (…) Nos seus textos cobra vida orixinal e sólida un mundo e unha visión do mundo, o artista como “desvelador”, como un ser capaz de dar corpo plástico, literario ou dramático a unha realidade que, estando diante nosa, non somos quen de percibir. Diante do teatro de Vidal Bolaño tiven a sensación de estar asistindo a un desvelamento, á materialización textual ou escénica de realidades ocultas, tan vivas e cotiás como dificilmente visibles nun mundo marcado pola “axenda” dos medios de comunicación e, por tanto, produto artístico banal, repetitivo ou simplemente enxeñoso.
Manuel Guede Oliva
Roberto Vidal Bolaño é o autor teatral máis importante de toda a historia da literatura dramática galega.

- Inma López Silva
A polifacética actividade de Roberto Vidal Bolaño como home total do teatro galego desde 1974 ata o día de hoxe implica que o seu proceso de canonización atenda de maneira indisoluble á súa faceta como escritor dramático e á súa faceta como director escénico.(…). Xa en 1984 era un dos autores centrais da nosa dramática contemporánea (actuaba como factor canonizante a cantidade de obras editadas e representadas ata ese momento, pero tamén un dos directores de referencia no sistema teatral galego).


BIOBIBLIOGRAFÍA

Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela. Criouse nas clases populares urbanas, que terán un peso importante na obra do autor.
A infancia de Vidal Bolaño transcorre entre a escola e o cinema. Nun­ha entrevista feita por Paco Macías5 declara a súa fascinación polo cinema na sobremesa dos domingos, onde se empapou das películas de John Ford e John Huston nos cines da época da cidade, que influirán na súa obra.
De mozo cursa o bacharelato por nocturno e combina os estudos co traballo. Primeiro emprégase de administrativo e logo de dependente. Deseguida conecta co mundo teatral do seu tempo; así, sendo moi novo, entra xa en contacto coa agrupación cultural O Galo e, dentro dela, co grupo cinematográfico Lupa, fundado por Euloxio R. Ruibal, que servirá de xerme para a fundación da compañía teatral Obradoiro; será nesta época cando Roberto Vidal Bolaño fale da súa vocación de cineasta e queira estudar na Escola de Cinematografía de Madrid, escola que pecha en 1969, sen lle dar tempo ao futuro actor a iniciar estes estudos. No ano 1974 participa na fundación do novo proxecto teatral: Antroido. Para esta compañía redactará o que supoñemos o seu primeiro texto de autoría propia, o Laudamuco, señor de ningures (1977), que mereceu o premio Abrente, dun xurado reunido en Ribadavia en 1976.
A esta peza séguena Ladaíñas pola morte do Meco, Memorias de mor­tos e ausentes e Xaxara, paniogas, tarelo, o rapaz e o cachamón ou trocar en rato pequeno o meirande xigantón, peciña que recibirá en 1977 unha mención na terceira edición de O Facho.
Son estas datas sinaladas momentos de pontóns para a formación de futuras estruturas dramáticas galegas e o autor participará de cheo na creación da Asemblea do Teatro Galego e do Centro Coordinador do Teatro Galego.
En 1978 profesionalízase a compañía Antroido, fundada por el. En 1980 une o seu traballo arredor do teatro con outro futuro home inte­gral de teatro, Eduardo Alonso. Así as compañías Andrómena de Eduar­do Alonso e Antroido de Roberto Vidal Bolaño unifícanse nun proxecto común, chamado Teatro do Estaribel, compañía que levará a escena a obra do autor Bailadela da morte ditosa, texto galardoado co premio Abrente.
A continuación seguen dúas obras de rúa, ambas aínda hoxe inéditas e ambas con carácter marcadamente infantil. Son Ruada das papas e o do unto e Touporroutou da lúa e do sol, ambas as dúas pezas de monicreques de cachaporra; ao mesmo tempo traballa na obra Xubileu, que será a base para unha peza de maior altura, Días sen gloria, obra que está influencia­da pola película A raíña de África, dirixida por John Huston.
Traballa tamén nunha adaptación de textos de Xosé Luís Méndez Fe­rrín que leva por título Percival e que inclúe historias dos seus libros Percival e outras historias, Arrabaldo do norte, Elipsis e outras sombras e Crónica de nós.
O resultado deste traballo recibe a Medalla de Oro Ciudad de Valladolid.
Ao mesmo tempo, Roberto Vidal Bolaño estreará a obra, aínda hoxe inédita, Romance dos figos de ouro.
O ano 1984 é un ano decisivo para a historia do teatro galego pois fúndase o Centro Dramático Galego, institución que exercerá o papel de crisol das poucas compañías profesionais que existían. Nesta primeira etapa Eduardo Alonso será o primeiro director da institución que es­treará a obra Agasallo de sombras, escrita e dirixida por Roberto Vidal Bolaño, obra que, para moitos críticos, supón o comezo da súa madurez profesional.

A seguir estrea a obra Caprice des dieux na que arremete contra a clase política dominante e que lle vale unha etapa dun certo esquecemento e mesmo, en opinións dalgúns críticos, un veto.
Serán anos nos que o autor se dedica á dobraxe na recentemente apa­recida Televisión de Galicia e anos nos que traballará como actor en cine e televisión. Lembremos a súa actuación en 1989 na película de Chano Piñeiro Sempre Xonxa.6
Desta etapa dedicada ao mundo audiovisual quédalle un resto de nos­talxia lonxe do teatro e a reflexión cotiá arredor dos vieiros polos que debe transitar o teatro galego. Froito destas reflexións, Roberto Vidal Bolaño iniciará novos camiños escénicos que culminan coa estrea da obra Saxo tenor (1991),

En 1994 Roberto Vidal Bolaño obtén o premio na segunda edición de concursos Camiño de Santiago, precisamente con esta obra que aquí ana­lizamos, As actas escuras, premio que esixía unha temática relacionada co Xacobeo e co que Vidal Bolaño era moi crítico, pois viñera substituír o premio de tema libre Álvaro Cunqueiro. A obra, a pesar das bases do concurso nas cales se lle garantía a súa representación ao texto gañador, non se representou ata hoxe.
Coa súa compañía Teatro do Aquí monta O desengano do Prioiro do escritor ourensán Ramón Otero Pedrayo. Posteriormente estrea Anxeliños, que pon de manifesto de novo o seu gusto polo xénero negro. En 1997 a súa obra Doentes gaña o VII premio Rafael Dieste, obra da que, segundo Cándido Pazó, un dos membros do xurado destacou «a relación que garda con Luces de Bohemia de Valle Inclán
Posteriormente estrea Sen ir máis lonxe, peza na que recupera a figura do pallaso que lle permite falar con grandes verdades sobre os temas que lle causan incomodo. A montaxe obterá dúas designacións nos premios María Casares, a do mellor texto orixinal e a da mellor interpretación masculina.
En 1998 estrea a obra Rastros, coa cal de novo asistimos a unha obra moi persoal na que deixa constancia das súas teimas, miserias, loitas e derrotas.
No ano 1999 Roberto Vidal Bolaño dirixirá a obra de Daniel Cortezón Xelmírez ou a gloria de Compostela, proposta que se quixo integrar pola súa temática nos eventos conmemorativos do Xacobeo 99.
Tamén en 1999 obtén o premio Eixo Atlántico pola súa obra Criaturas,

No ano 2000 o CDG estrea A burla do galo, obra que supón unha versión galega do mito de Don Xoán con diferentes antecedentes galegos, entre eles o de Álvaro Cunqueiro.
En 2001 escribe Mar revolto, unha obra que ten como temática o se­cuestro do barco Santa María
Ponse á fronte dun novo proxecto, dirixir Rosalía de Otero Pedrayo, á fronte do CDG;
Escribe a peza Animaliños, triloxía sobre algúns paradoxos e contra­dicións da sociedade, descritos dende a perspectiva do humor.
Posteriormente escribe Sen ir máis lonxe, peza con referencias autobio­gráficas, xa que a peza alude, con distanciamento humorístico, ao proble­ma de pulmón que ten un fumador compulsivo, o que sen dúbida garda relacións biográficas reais.
Logo levará a escena a obra Os papalagui. Bolaño sérvese do texto para botar fóra o mellor de si e das súas capacidades de cómico aguilloante.
O actor, autor e director viaxa ata os límites dalgunhas normas escéni­cas para arremeter contra a figura do cacique.
A súa última obra é Integral. A peza sitúase na liña das comedias iró­nicas que cultivou nos últimos anos da súa traxectoria, con pegadas do teatro de Samuel Beckett e do recurso do esperpento de Valle-Inclán. Nela deixa constancia tamén de toda esa capacidade de mirar o mundo reviradamente, como el dicía, desdeñando o politicamente correcto.
O 9 de setembro de 2002 ingresa no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela logo de que ese cancro de pulmón, doenza que padecía dende había dous anos, o viñese minguando de forzas. Falece tres días máis tarde, o 11 de setembro. O seu corpo é velado no escenario do Salón Teatro de Santiago por desexo dos seus compañeiros de profesión. Sobre a súa tumba foron depositados o nariz de pallaso e o chapeu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario